Archivo de la categoría: dehistoria

PARAXES CORUÑESAS

Hai semanas que traballamos nun novo proxecto sobre as Paraxes singulares da provincia Casa tradicional nas Travesasda Coruña. É un proxecto que conta cunha achega económica da Deputación Provincial e que busca estudar e identificar eses sitios que teñen algo de especial no territorio provincial.

¿Qué é unha paraxe?

Dí a Real Academia que é o sitio no que para o coche de línea durante un traxecto, onde agardamos por el, onde baixamos a ese lugar onde nos agardan ou que queremos descubrir.

Esa é a nosa proposta: unha recompilación deses emprazamentos singulares polos que paga a pena achegarse a unha comarca, baixar e deixar o coche, pasear e gozar do territorio e do que nos ofrece.

¿Que fai dun sitio unha paraxe singular?

Aldeas, paisaxes, oficios, tradicións, territorios… que albergan valores históricos, naturais, paisaxísticos que compre recoñecer como parte do noso legado cultural; que é preciso coñecer para preservalos e poder gozar deles hoxe e nos tempos que virán.

Temos xa unha primeira relación, uns 40 sitios. Ao cabo, serán uns 20 e estarán esparexidos por toda a xeografía provincial.

Queres propoñernos algún? escríbenos.

Noticias antigas do Entroido compostelán

Repescamos o texto dun artigo publicado na revista Compostelanea en febreiro de 2017 sobre o Entroido en Santiago hai un século (máis ou menos). Non perdades as fotos que o acompañan!

Compostela 1917: O Entroido

Hai un século, o Entroido ocupaba a vida da cidade durante case un mes, pois comezaba cando chegaban aos comercios os xéneros propios da festa: os tecidos para os disfraces e os “papeliños de cores” que se empregaban para facer máscaras e todo tipo de figuras. Ao tempo empezaban a prepararse as comparsas e o programa de bailes. Así quedaban marcadas as coordenadas da festa: disfraces, comparsas e alegría. As mesmas que hoxe en día seguen definíndoa.

O chuvioso tempo compostelá marcaba o ritmo e tensión das xornadas, sobre todo a principios do século XX, cando as formas de vida burguesas terminaron de adaptar a festa á sociabilidade urbana. É entón cando naceu o Entroido tal e como hoxe o coñecemos; un tempo -como di un autor da época- divertido e elegante.

No rural santiagués perduraron ata hoxe costumes máis arraigados á tradición rural como a destrución do Entroido feito con palla e roupa vella que podemos documentar en Aríns hai cen anos, o carro engalanado que se armaba en Santa Marta ou os atranques dos Xenerais das parroquias do Ulla.

Na cidade desenvolvíase un Entroido diferente con manifestacións xenuínas que estaban plenamente vixentes hai un século. Algunhas desapareceron, outras son doadamente identificables no programa actual.

A rúa era o principal escenario do Entroido santiagués. Polas vías principais paseaban, cantando coplas e chanceando coa xente, as comparsas. Estas agrupacións armábanse cada ano baixo nomes tan suxestivos como Los Caballeros de Malta, Los cirujanos del porvenir, Los alpinistas ou La Lira, que levaban acompañamento musical similar ás actuais rondallas ou máis tradicional (pandeireta, bombo e tamboril). Nelas participaban estudantes, mozos e mesmo grupos de nenos e nenas. Na rúa todo eran risas, humor do bo e balbordo, sendo o contrapunto aos bailes que tiñan lugar nas sociedades recreativas ou aos asaltos organizados pola mocidade; nuns e noutros era obrigado o uso de disfrace, preferentemente orixinal e de bo gusto.

A xente ía ao Preguntoiro ou á Rúa do Vilar a ver as comparsas e o curioso espectáculo que era a súa rolda. Percorrían as rúas da cidade e ao pé das casas cantaban coplas e cancións recibindo a cambio as moedas que lles tiraban desde balcóns e xanelas. Houbo un tempo en que as comparsas ofrecían amendoados ás casas máis xenerosas.

Tamén había lugar para dous clásicos: o xogo do figo (juego del higui) -no que un home cunha manchea de figos colgados dun pau enredaba coa rapazada- e o paseo de Carabellón e Perilla -oso e domador que facían as delicias do público-. O Entroido era, sobre todo, un lugar de encontro e de xogo; por uns días as barreiras sociais volvíanse borrosas nunhas rúas nas que as mascaritas tanto facían burla como armaban un baile espontáneo.

As dificultades para xestionar estes encontros e afluencias de xentes levaron o Concello a programar na Alameda o desfile das comparsas. Amenizado con música, o cambio de escenario deulle un importante pulo ao Entroido xa que as carrozas engalanadas, que ata entón eran escasas, pasaron a completar o espectáculo. E mesmo foi posible organizar e gozar das batallas de confeti. En 1917 foi a segunda vez que se organizou alí e así, despois de pasear pola cidade, as comparsas e carrozas achegáronse á Alameda, onde a Banda Municipal ofreceu un concerto para amenizar o evento. Foi tal o éxito acadado, que comezou a falarse de outorgar premios aos mellores participantes.

Música, diversión e socialización, esas foron as pautas do Entroido histórico, o que viviron hai cen anos as xentes desta cidade, as mesmas que partillamos hoxe.

Presentada a nosa publicación sobre a Compostela da Xeración Nós

Vivimos o ano da Xeración Nós; celebramos o centenario da publicación da revista e homenaxeamos a memoria daqueles homes e mulleres. Con este motivo, elaboramos para o Concello de Santiago unha pequena publicación divulgativa.

A cidade de Santiago en tempos da Xeración Nós é un pequeno paseo pola Compostela daquel tempo inzado de optimismo e proxectos; nel explicamos como era a cidade que acolleu aos homes e mulleres que pensaron Galicia como un pais empoderado cunha cultura cosmopolita e consolidada. Falamos da propia revista e das iniciativas locais que a acolleron como as Irmandades da Fala ou a imprenta Nós de Ánxel Casal. Tamén do Seminario de Estudos Galegos, que é a resposta xenuinamente compostelá ao desafío que supoñía Nós: os homes e mulleres de ciencia, facendo ciencia en galego para Galicia e para o mundo.

E mesmo facemos énfase neste tempo e nestes procesos como espazo de emerxencia da nova personalidade compostelá, a da capital política e cultural de Galicia. Unha faciana máis -recuperación doutra vella, en realidade- desta cidade.

Foi un encargo do Concello de Santiago de Compostela e a súa Concellaría de Cultura para conmemorar o centenario da revista e traer á luz a memoria da súa xente e da nosa cidade. É o número 3 da Colección Cadernos de Compostela, dedicada a amosar de xeito atraínte aspectos senlleiros da historia da cidade.

Agardamos que sexa do voso gusto.

A Ascensión: a feira que trouxo a festa

Desde hai séculos, a Ascensión é un día grande en Santiago; é xornada de feira e, ultimamente, tamén de festa. Trátase dun evento moi tradicional, que as xentes de Santiago asocian coa primavera, con paseos e bailes na Alameda e Santa Susana, con barracas e coa feira. Malia que na actualidade se desenvolve, ante todo, coma unha celebración festiva, en orixe naceu coma unha importante feira. Este mercado de gando, sobre todo cabalar, duraba dous días e atraía milleiros de persoas, non só da contorna senón tamén de comarcas máis afastadas; as xentes acudían a comprar e a vender e a cidade enchíase daquela cun enorme balbordo de persoas, animais e mercadorías.

A carballeira e o campo de Santa Susana acollían a feira e as rúas da cidade eran o escenario dos actos festivos que pouco se foron desenvolvendo en paralelo á actividade mercantil. Con todo, a Feira da Ascensión non comezou a ser a Festa que hoxe coñecemos ata a década de 1950, cando os cambios no sector gandeiro supuxeron o esmorecemento das grandes feiras anuais.

Ata entón, as feiras compostelás a Ascensión e o Apóstolo eran un referente no panorama galego e convocaban a centos de gandeiros e tratantes. Viñan de Castela e Portugal a comprar, sobre todo bestas, pero tamén aquelas vacas e bois cebóns de tanta sona; da contorna e de toda a Terra de Santiago chegaban os labregos cos seus animais, os pequenos tratantes, as mulleres co produto das súas hortas, co pan ou cos panos tecidos con tanto esmero. En conxunto, entre todos dábanlle á cidade unha cor e unha alegría moi singulares….

Se queres seguir lendo, descarga o pdf completo

Comercio emblemático de Compostela.

O pasado outono inauguramos en Santiago unha exposición dedicada a poñer en valor o papel do pequeno comercio como emblema e símbolo da cidade. Foi un traballo complicado pola falta de referentes históricos e bibliográficos pero moi gratificante porque tivemos oportunidade de achegar á cidadanía unha parte da súa historia que é bastante descoñecida. Foi un encargo do Concello de Santiago de Compostela, concretamente do departamento de Comercio.

A expo tiña dúas partes diferenciadas.

Unha delas estaba dedicada aos establecementos que a Mesa do Comercio de Santiago considerou que debían ser sinalados como emblemáticos; son aqueles, uns máis antigos e outros máis recentes, que significan algo para a veciñanza e son un referente no seu sector ou no seu barrio, pola calidade da súa oferta ou servizo, polo innovador que é, pola súa antigüidade… cada un por unha cousa, premiaronse a unha serie de establecementos. Son os primeiros dunha distinción chamada a continuar nos anos que virán. Era unha mostra fotográfica cunhas espectaculares imaxes de Afonso Sestelo

Na segunda parte, o contido centrábase en amosar a evolución dos comercios, eses espazos tan ligados non só á vida mercantil senón tamén á memoria da veciñanza e á imaxe da propia cidade por canto coa súa faciana, escaparates ou rótulos marcan de xeito sinalado á cidade e as súas rúas. Nesta parte combinaronse textos e imaxes identificadas ao longo da investigación histórica; seguindo o seu fío puidemos amosar como se foi pasando dos postos e estaribeis na rúa aos luxosos comercios actuais, cos seus escaparates, moblaxe individualizada, etc.

A expo pechou en decembro pero recentemente o concello puxo en marcha a posibilidade de facer unha visita virtual na que se poden consultar os textos e imaxes, novamente da man de Afonso Sestelo, que fixo un magnífico traballo.

Podedes todavía, se queredes saber algo máis sobre o comercio compostelán e pasar un rato agradable e divertido, descargar e intentar o reto que propón a app Desafio Comercial SCQ,