O correcto tratamento do pasado dunha empresa pode marcar un antes e un despois á hora de posicionarse no mercado e ganar a preferencia dos clientes. As pequenas historias dun negocio, as persoas que as protagonizaron, os seus éxitos e desafíos … achegan a unha marca valores de proximidade e conexión co local e persoal; poden transformar un produto neutro nalgo único e singular, claramente identificable.
Archivo de la categoría: Alimentos tradicionais
No Entroido, licor café e augardentes
Licor café e bica conforman durante o Entroido un tándem clásico de moitas comarcas galegas; outro tanto poderíamos dicir da augardente e o café e o as herbas e un xantar copioso.
Uns teñen unha longa historia entre nós, outros son máis recentes pero é evidente que forman parte deses momentos cotiás que, como comunidade, repetimos xeración tras xeración. Lonxe quedaron os tempos dos poteiros itinerantes, das potas de barro e de bebidas loubadas na nosa literatura como o rosolí.
Hai un tempo que dehistoria investigou, a petición do Consello Regulador Augardentes e licores tradicionais de Galicia, a historia destas bebidas espiritosas. Alí aprendimos cousas curiosas e ben interesantes e puidemos desfacer algúns mitos asentados como que en Galicia non se destilaba antes de mediados do s. XIX.
Hoxe queremos compartir con vós unhas breves notas tomadas daquel informe e incorporalas á nosa Factoría dehistoria para que as leades e compartades; organizamos os materiais por especialidades, para que podades centrarvos naquela da vosa preferencia 😉
O «licor de Ribadeo»
Esta fin de semana estamos todos e todas convidadas á celebración do Ribadeo indiano, unha sorte de celebración que por uns días levará á vila e a quen a visite aos finais do s. XIX e principios do XX.
É unha iniciativa refrescante nestes tempos nos que agroman feiras medievais con dubidosa conexión coa realidade pasada e un xeito interesante de poñer en valor este período da historia da Mariña e o patrimonio -sinaladamente arquitectónico- que nos deixou.
O que moita xente non sabe é que nestes tempos dos indianos, alén do viño e as bebidas de orixe ultramarino, como o ron, na contorna de Ribadeo tiña grande aceptación un licor algo raro denominado Kümmel ou, simplemente, cumel e que este produto chegou a coñecerse en Madrid como «licor de Ribadeo».
O Kümmel é un licor algo áspero e forte, de sabor doce, que ten como ingrediente principal o comiño. Chegou a Ribadeo a partir do século XVIII, cando neste porto se estableceu unha ruta marítima cara os portos do Mar Báltico, nomeadamente a Riga (Letonia) de onde se importaban liños e cáñamos para a industria local de tecidos.
No século XX as turbulencias políticas acabaron cortando os subministros directos desta bebida e os cambios nos gustos foron lateralizando este licor tan singular; non obstante, moitas foron as familias de Ribadeo que desenvolveron receitas propias pois era bebida indispensable para os padais máis larpeiros -que mesmo o sorbían a través dun terronciño de azucre, por se non era doce dabondo- e o ingrediente segredo do Pato á moda de Ribadeo que tanto ensalzou Cunqueiro.
Unha rosca monstro
Estes días próximos á Pascoa son a tempada alta das roscas ou pans de ovo e doce que as madriñas regalan aos afillados. Esta lambetada tradicional está fortemente vencellada aos ritos da Semana Santa pois é -ademais dunha excelente sobremesa- todo un augurio de vida.
Facíanse nas casas e, cando comezaron a agromar en vilas e cidades, nos obradoiros de panadería e pastelaría que elaboraban tanto tortas como as roscas actuais como exemplares máis requintados como os de amendoa ou os de masa de biscoito.
Un destes negocios, neste caso da vila de Pontevedra, chegou a ser coñecido pola magnitude das roscas que preparaba para agasallar aos anciáns da cidade. En efecto, alá pola década de 1920, un dos atractivos máis senlleiros dos paseantes era contemplar o escaparate da Confitería Santiago, que cada ano amosaba orgulloso unha rosca máis grande ou máis adornada.
Neste ano de 1928, a rosca tiña unos tres metros de largo por más de medio de ancho. Verdadeiramente monstruosa!
Boa Pascua!
Un pequeno agasallo de nadal, en tres partes
O noso produto diferencial, é sabido, e a investigacion historica baixo demanda o que nos leva a unha moi curiosa heteroxeneidade nas nosas investigacions. Todas nacen dunha mesma premisa, a achega de información histórica para unha necesidade concreta, pero ramifícanse nunha diversidade singular de temas.
De todas aquelas cuestións que tratamos a petición dos nosos clientes hai algunhas que poden adxectivarse sen medo: as investigacións sobre os montes comunais son solidarias, falánnos da loita das comunidades (onte e hoxe) pola sua supervivencia; as historias familiares teñen moitas veces ingredientes de thriller ou drama psicoloóxica, amósannos que, no fondo, todas as parentelas son moi parecidas, nas súas luces e nas súas sombras, pois sempre hai un lado escuro, un antepasado de dubidosa reputacion ou unha volta inesperada do destino; outras veces é como mirar a través dun espello, pois atopamos xentes doutro tempo e que nos gustaría convidar a un café e algunhas persoalidades que tenen fiel reflexo na actualidade.
Pero, sen dúbida, as que nos resultan mais atraintes son aquelas da «mirada indiscreta», que se relacionan co cotia; grazas a elas entramos, como por unha fiestra, na vida daqueles homes e mulleres que foron antes ca nos.
Estas son, definitivamente, as que máis gustan aos nosos amigos e amigas. Por este motivo, queremos agasallarvos cunha serie de tres textos (a modo de antigo folletín) sobre o voso outro tema preferido, a historia da nosa tradición gastronómica. Son unha versión alixeirada do capítulo dedicado á historia da nosa tradición reposteira, no noso libro Historia da dozaría tradicional galega.
Historia da dozaría galega (parte 1)
Historia da dozaría galega (parte 2)
Historia da dozaría galega ( e parte 3)
Bo proveito e os nosos mellores desexos para o novo ano!
(continuará)