Presentada a nosa publicación sobre a Compostela da Xeración Nós

Vivimos o ano da Xeración Nós; celebramos o centenario da publicación da revista e homenaxeamos a memoria daqueles homes e mulleres. Con este motivo, elaboramos para o Concello de Santiago unha pequena publicación divulgativa.

A cidade de Santiago en tempos da Xeración Nós é un pequeno paseo pola Compostela daquel tempo inzado de optimismo e proxectos; nel explicamos como era a cidade que acolleu aos homes e mulleres que pensaron Galicia como un pais empoderado cunha cultura cosmopolita e consolidada. Falamos da propia revista e das iniciativas locais que a acolleron como as Irmandades da Fala ou a imprenta Nós de Ánxel Casal. Tamén do Seminario de Estudos Galegos, que é a resposta xenuinamente compostelá ao desafío que supoñía Nós: os homes e mulleres de ciencia, facendo ciencia en galego para Galicia e para o mundo.

E mesmo facemos énfase neste tempo e nestes procesos como espazo de emerxencia da nova personalidade compostelá, a da capital política e cultural de Galicia. Unha faciana máis -recuperación doutra vella, en realidade- desta cidade.

Foi un encargo do Concello de Santiago de Compostela e a súa Concellaría de Cultura para conmemorar o centenario da revista e traer á luz a memoria da súa xente e da nosa cidade. É o número 3 da Colección Cadernos de Compostela, dedicada a amosar de xeito atraínte aspectos senlleiros da historia da cidade.

Agardamos que sexa do voso gusto.