Archivo de la categoría: Contidos dixitais

CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA MURALLA DE LUGO

O pasado sábado 23 tivo lugar a inauguración do Centro de Interpretación da Muralla de Lugo.
O desenvolvemento deste proxecto foi complexo e longo, tanto para nós como para o noso cliente, Stoa pero a día de hoxe os resultados non poden ser máis satisfactorios. O traballo de documentación desenvolvido por dehistoria foi unha modesta aportación a este proxecto que se sitúa neste momento á cabeza do panorama dos museos e espazos patrimoniais de Galicia.
¡Os nosos parabéns a todos e todas as implicadas!.
Este centro de interpretación será unha referenza ineludible para visitantes e lucenses e amosará a todos e todas non so os aspectos máis coñecidos da muralla e a súa historia, senón tamén outros moitos detalles e feitos que axudarán a comprender a súa real monumentalidade.
Clicade aqui para descargar o tríptico informativo.

Co GPS por Ames

Xa están dispoñibles na web do Concello de Ames os arquivos das nosas rutas con GPS. Propoñemos a realización de catro percorridos diferentes que teñen como eixo temático aos Condes de Altamira, señores noutro tempo de boa parte deste concello. De aí ven o nome do conxunto de itinerarios: As Terras dos Condes.
Na páxina de descargas atoparedes os 4 percorridos cos seus respectivos arquivos: os que implementaremos no noso trebello GPS e os que nos servirán para descobrir dun xeito diferente as parroquias de Trasmonte, Lens e Agrón.
Este produto é froito dun laborioso traballo de investigación que acometemos en colaboración con Dimensiona.

RUTAS CON GPS

Neste mes de outubro, durante o Seminario Turismo e novas tecnoloxías terá lugar a presentación en sociedade do noso proxecto de investigación sobre rutas GPS, levado a cabo baixo a dirección de Dimensiona.
Xuntos, desenvolvemos un novo produto que está agora rematando a súa fase de experimentación. As rutas autoguiadas con GPS ofrecerán a concellos, administración ou establecementos turísticos a posibilidade de deseñar percorridos turísticos ou culturais sen necesidade de investimentos costosos en sinalización. Un GPS se encargará de dirixir ao camiñante ou ao automobilista ao longo do itinerario; o noso cometido é a elaboración dos contidos da ruta, que van nunha guía impresa complementaria.
O primeiro prototipo tivo como protagonista á Casa Grande de Vilanova, na parroquia de Remesar, concello da Estrada e o roteiro servía para percorrer o fermoso camiño entre a Casa e o Pazo de Oca. O segundo, porase en marcha nos próximos días no Concello de Ames; finalmente, a Ribeira Sacra será o escenario doutro dos nosos prototipos.
Moitas grazas a todos eles por colaboraren con nos e a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación financiar este novidoso proxecto de innovación.