Sabores tradicionais: o pan de Carral

carralDe entre os moitos pans tradicionais de Galicia, o de Carral, sen dúbida é dos máis coñecidos. Ten sona polo seu sabor e calidade pero tamén porque existe case desde sempre.
En efecto, tal e como vimos a saber ó longo da nosa investigación, Carral e o Val do Barcia son terras nas que se cultiva o trigo desde sempre porque é moi axeitada para este froito. Na Idade Moderna, a proximidade da cidade da Coruña, favoreceu o desenvolvemento dunha modesta actividade de fabricación e venda do pan; os datos proporcionados polo Catastro de Ensenada (1753) non deixan lugar a dúbidas, moitas familias do Val do Barcia teñen na elaboración e venda de pan a garantía do seu sustento.
Pouco despois, son os propios coruñeses quen fomentan a entrada na cidade e, incluso a imitación, dos mellores pans que coñecen, o de Carral e o de Bergantiños, que son os preferidos do público en detrimento da produción local.
É precisamente esta conexión coa cidade coruñesa o que favoreceu o mantemento desta industria artesanal que aínda hoxe en día amasa e coce o seu pan seguindo as formas tradicionais. ¿porqué mudar?.
A súa constancia no sabor tradicional verase premiada, de seguro, coa obtención da Identificación Xeográfica Protexida.