Nestes días púdose ler na prensa sobre o pasamento da última das beguinas europeas. Era Marcella Pattyn, de 92 anos, a última representante dunha interesantísima forma de vida en feminino que naceu nos séculos medievais.
En efecto, o movemento das beguinas desenvolveuse como unha forma diferente, xenuína e libre de vivir, non só a experiencia relixiosa senón tamén a vida en xeral. Mulleres de toda idade e condición unidas por un desexo común de vivir a súa fe fóra dos muros conventuais, no mundo das xentes corrientes, laicas pero entregadas ás súas conviccións; agrupábanse en casas sen a tutela dun home, traballaban e gañaban o sustento, vivían segundo as súas crenzas eran un exemplo vivo doutra forma de ser e de estar.
Acadaron un enorme éxito no Norte de Europa, moi especialmente nos Paises Baixos onde, segundo parece perviviron ata os nosos días. Deixaron en moitas das cidades nas que viviron sona de solidariedade, fe profunda e xenerosidade. Tamén barrios que conforman pequenas cidades dentro das propias cidades e que hoxe son Patrimonio Mundial da Humanidade.
No noso pais non houbo, que se saiba, experiencias beguinas aínda que si comunidades laicas de mulleres que, en certo modo, poderían asemellarse a elas. Son os oratorios de Santa Cruz (na Coruña) ou de Santa Cristina da Pena (en Santiago), nos que vivían e traballaban mulleres laicas que desde mediados do século XIV dedican á súa vida á oración e a caridade. Insírense dentro da Orde Terceira, aquela na que os laicos viven seguindo as ensinanzas de San Francisco.
Vivían do seu traballo, principalmente atendendo hospitais e alberguerías; tamén de doazóns privadas, xenerosas coa súa singular forma de vida e solidariedade comunitaria. Se cadra por esto mesmo, nunca foron moi ben vistas, tanto polas comunidades conventuais como polas autoridades eclesiásticas e, así, contra mediados do século XV evoluiran xa cara o formato conventual.