O Castelo da Rocha Forte

exterior da cerca da rocha forteDesde a primavera estamos traballando no proxecto de documentación, escavación e posta en valor do Castelo da Rocha Forte, unha solemne e imponente ruína que está nas afóras de Santiago, na parroquia de Conxo á beira do río Sar.

Nós encargámonos da busca e identificación da documentación histórica relacionada co castelo e a súa contorna. Levamos meses movendo e estudando documentos pero por fin agora, cando case xa rematamos, podemos ver algunhas cousas algo mais claras.

Para quen non coñeza a súa historia é dificil interpretar esta maxestosa ruína; hoxe queda nunha especie de foxo, debaixo do viaduto da Rocha -ese que se pasa cando entramos en Compostela polo Sur-, e ata hai pouco era mais ou menos unha elevación no terreo cuberta de vexetación. Os traballos acometidos por varios equipos da Universidade de Santiago hai algúns anos permitíron albiscar a magnitude do castelo. Agora que está todo descuberto e que podemos documentar a súa historia, as cousas concordan: era o gran castelo do principal señor de Galicia, xa que logo, impoñía a quen o visitara ou o admirara desde a distancia.

Foi construído polo arcebispo D. Xoán Arias -un home do seu tempo, instruído, cosmopolita e bo xestor- e foi finalmente desmantelado por Afonso de Fonseca II, na segunda metade do século XV. Sufriu asedios, incendios, arranxos e ampliacións, como calquera edificio pensado e interpretado como centro de poder. Pero Fonseca só desarmou (e reaproveitou noutros lugares) o que quedaba tras o derrocamento Irmandiño.

Cos traballos arqueolóxicos en marcha, o sitio non pode visitarse nestes días. Nós acudimos á visita guiada que tivo lugar hai unhas semanas, durante a Semana Cultural da Rocha. Naquel día puxemos materiais e coordenadas as ideas e hipóteses que xurdiran no estudo documental. Foi unha visita ben interesante e, chegado o momento, recomendable.

Pódese ver hoxe o que no seu momento (s. XVII) chamaron «los suelos de la Rocha» ou, o que é o mesmo, todo o que quedou a ras de chan e por debaixo del: canles, alicerces da torre de homenaxe, os fundamentos da cerca (con varios metros de altura sobre o piso orixinal), a morea de proxectís de pedra que se lanzaron contra o castelo, os muros derrubados polos Irmandiños, o arranque das torres da muralla, …

E contámosvos todo isto porque hoxe un xornal da cidade -con motivo da visita do alcalde ás escavacións- publica unha completa galería fotográfica na que ademais das instantáneas do acto, temos tomas de moito interese sobre pezas atopadas e o traballo dos arqueólogos.

Podedes mirala clicando aquí. E neste outro enlace, de outro xornal, teredes un apuntamento sobre unha das imaxes da galería, pois parece que foron achados naquel lugar restos humanos.

Se queredes saber máis: